Friday 19 de April de 2024

O Pleno de Lousame rexeita a instalación do vertedoiro de Gestora de Residuos del Noroeste


Villaverde anuncia que o Concello presentará alegacións ao proxecto, para o cal xa encargou un estudo externo e consultará cos Servizos Xurídicos da Deputación

O Pleno Municipal de Lousame aprobou esta mañá unha moción presentada pola Plataforma contra o novo vertedoiro de residuos industriais en Lousame pola que “manifesta o rexeitamento da Corporación á instalación do vertedoiro pretendido por Gestora de Residuos del Noroeste SL por danar os intereses sociais, económicos e medioambientais do concello, das aldeas da contorna inmediata e da comarca”. Ademais, o pleno acordou “declararse contrario á centralización do almacenamento e xestión de residuos industriais perigosos e non perigosos neste concello, o cal resulta antieconómico e medioambientalmente obsoleto”.

A moción da Plataforma foi aprobada cos dous votos a favor do Partido da Terra e do BNG e coas nove abstencións do PP e do PSOE, que coincidiron na necesidade de conseguir máis información antes de presentar calquera alegación ao proxecto e acordaron con todos os grupos municipais a creación dunha Comisión Municipal de Seguimento. “O máis fácil é poñerse na rúa. Hai que ter todos os argumentos e nós aínda non os temos. O máis fácil é dicir non sen ter ningún dato. Por iso agradezo ao PSOE que recolla información porque iso é o responsable: facer alegacións cun estudo e que se reúna a Comisión de Seguimento”, explicou a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde.

Informes técnicos

A alcaldesa recordou que “mantivemos reunións cos veciños das aldeas afectadas e seguiremos facéndoas” e anunciou que “encargamos a enxeñeiros un estudo técnico sobre o proxecto e esta semana reunireime cos Servizos Xurídicos da Deputación para que tamén o estuden. Imos facer alegacións e os veciños estarán apoiados polos servizos técnicos municipais. Pero calquera alegación ten que estar ben fundamentada e aínda non temos toda a información precisa”.

Neste sentido, Villaverde fixo un chamamento á calma: “estamos ao inicio de todo o procedemento. O responsable é mirar o que é, facer alegacións e despois tomar unha decisión”. Así, lembrou que o proxecto non só ten que superar este período de exposición pública, aberto ata o día 20 de outubro, senón moitos máis informes de organismos e entidades como Augas de Galicia, a Dirección Xeral de Industria, a Dirección Xeral de Patrimonio, a Dirección Xeral de Conservación da Natureza, a Dirección Xeral de Saúde Pública, a Federación Ecoloxista Galega ou a Sociedade Galega de Historia Natural.

Pola súa banda, o voceiro do PSOE, Julio Paradela, xustificou a abstención do seu grupo “pola falta de información. Estamos pendente de informes técnicos que pedimos. Cando cheguen a nós, informaremos aos veciños, á Plataforma e os poremos á súa disposición”. Neste sentido coincidiu coa alcaldesa en que “o que non pretendemos é dar pasos en falso” e fixo un chamamento á prudencia lembrando que “hai unha planta de compostaxe con 150 obreiros ao lado”.

O voceiro do Partido da Terra, José Rodríguez Cao, cualificou de “fantástica” a moción da Plataforma e mesmo propuxo que “o Concello de Lousame asuma o custo dos informes periciais necesarios para fundamentar as alegacións”. Ademais, solicitou que o informe urbanístico que ten que facer o Concello sexa avalado polo Pleno, cuestión rexeitada pola alcaldesa quen lembrou que “os Servizos Urbanísticos son os que dan os informes aténdose á Lei” e pediulle ao Partido da Terra que “cando haxa unha reunión, hai que escoitar”, en referencia ao seu abandono da reunión con responsables da empresa sen deixarlles sequera presentar o seu proxecto.

Pola súa banda, o voceiro do BNG, Amador Turnes, tamén pediu que o Concello “se persone no expediente administrativo formulando as alegacións que sexan necesarias” e indicou que “non nos parece boa idea chantar un vertedoiro de tales dimensións. É un despropósito”. Unha vez rematada a sesión, todos os grupos se reuniron para acordar a creación dunha Comisión de Seguimento sobre esta cuestión.

Conta Xeral

Finalmente, o pleno municipal aprobou tamén a Conta Xeral de 2015 cos 10 votos a favor de PP, PSOE e BNG e a abstención do Partido da Terra, que pediu que quedara sobre á mesa alegando que non dispuxeran da documentación precisa. Teresa Villaverde explicou que o motivo da convocatoria deste pleno extraordinario ás 9:30 horas radicaba na necesidade de presentar esta documentación hoxe e que deixalo sobre a mesa “o que causaría é un prexuízo grave para o Concello á hora de ter financiación para calquera proxecto”. Neste sentido, lembroulle ao concelleiro que dispón do informe de liquidación, que puido pedir ou consultar a documentación durante a semana pasada e mesmo que puido tela “na Comisión de Contas á que non acudiron”.

Así mesmo, o Pleno aprobou os días festivos para o 2017: o día de San Roquiño e o 25 de abril. A proposta foi aprobada cos 6 votos a favor do PP e as 5 abstencións de PSOE, BNG e Partido da Terra. O Partido da Terra e BNG propuxeron que se votara unha alternativa (25 de abril e 10 de marzo), que foi rexeitada cos 6 votos do PP, as 3 abstencións do PSOE e os 2 votos a favor dos partidos que propuñan a emenda.